Visita a Compostela
CRÓNICA DA VISITA A COMPOSTELA
O día 18 de outubro as persoas de
3º e 4º da ESO visitamos Compostela para realizar dúas
actividades. De mañá, puidemos asistir á representación
da obra Arnoia Arnoia. O circo da
casa pequena, unha montaxe de
teatro-circo a cargo da compañía Pistacatro, en coprodución co
Centro Dramático Galego, adaptada e dirixida por Quico Cadaval a
partir da novela homónima de Méndez Ferrín. Na parte da tarde,
asistimos á exposición “Castelao Maxistral”, elaborada ao redor
do cadro A derradeira leición do
mestre, de Castelao. É esta última
actividade a que centra o noso primeiro artigo na estrea do blogue A
Cerna da Lingua.
A
derradeira leición do mestre é un óleo de Castelao, presentado
publicamente en Bos Aires o 17 de agosto de 1945 na conmemoración do
fusilamento do seu amigo Alexandre Bóveda, asasinado o 17 de agosto
de 1936, data na que se conmemora o Día da Galiza Mártir.
O
cadro de 1945 reproduce a escena da estampa número seis do álbum da
guerra, Galicia Mártir (1937). Castelao elaborou tres álbums
da guerra, Atila en Galicia, Galicia Mártir e
Milicianos; nos que representou graficamente o que estaba
acontecendo na súa terra mentres el estaba en Valencia, xa que non
puido voltar a Galicia despois de xullo do 36, cando se produciu o
golpe de Estado.
A
estampa “A derradeira lección do
mestre” tivo no momento gran repercusión. Ademais de formar
parte de Galicia Mártir, tamén apareceu nun cartaz da
Universidade de Barcelona, num dos selos da II República, traduciuse
a diversos idiomas... O debuxo acada desde o inicio un enorme
simbolismo e convértese nunha icona para todas as persoas galegas
que estaban a sufrir unha época de terrible represión e horror.
Este
óleo, conservado polo Centro Galego de Bos Aires, foi cedido por
primeira vez a Galiza desde Arxentina ata o vindeiro mes de marzo.
Actualmente atópase na Cidade da Cultura (no Gaiás), na exposición
de “Castelao Maxistral”. Esta contextualiza a situación do
ensino en Galicia nos tempos da República e céntrase na importancia
que tiña a educación para Castelao. A exposición recolle varios
debuxos que o artista de Rianxo lle dedicou ao ensino. O núcleo
desta mostra é o cadro A derradeira leición do mestre, que
se atopa no centro, en fronte da estampa número 6 que pertence ao
álbum Galicia Mártir que foi cedida polo museo de Pontevedra
para a exposición.
Desde o noso
punto de vista, a exposición ``Castelao maxistral´´ foi pobre en
canto ao contido. O cadro A derradeira leición do mestre, que
debía ser o centro da exposición, foi un dos puntos menos tratados
e case non tivemos tempo para velo. Pola contra, o guía centrouse
máis en temas como a educación antes da República, así como as
aulas daquela. Por outra banda, a visita guiada, que tiña unha
duración prevista de unha hora, durou media hora aproximadamente. A
exposición contaba con variado material, como mostras dun debate
antes da creación das Irmandades da Fala, no que se defendía o uso
do galego no ensino ou unha entrevista á derradeira alumna viva de
Castelao, que unicamente nomeamos. Ademais, faltaron certos puntos
para contextualizar o cadro, como falar de Alexandre Bóveda, do
labor das Irmandades da Fala, do I Estatuto de Autonomía... En
cambio, un dos aspectos positivos foi que tivemos a oportunidade de
contemplar o cadro e a estampa orixinal xuntos, o que nos permitiu
comparalos.
Comentarios
Publicar un comentario